Deixar un comentario

O colexio

Nesta páxina as nenas e nenos de 5º de EP do CPI dos Dices-Rois publicamos novas sobre as actividades que se realizan no noso colexio.

______________________________________________________________

A robótica educativa no noso colexio

O noso colexio leva participando en eventos relacionados coa robótica desde fai xa algúns anos.

A cronoloxía desta participación deu comezo co concurso ROBOTOP PORTUGAL 2008

No curso 2007-2008, os días 9, 10 e 11 de maio o profesor de Tecnoloxía, Xavier Méndez, e tres alumnos de 4º da ESO desprazáronse á localidade portuguesa de Santo Tirso, preto de Porto, para participar no 2º Campionato Nacional de Robótica de Portugal. Os tres alumnos, Eduardo Seco, Carlos e Diego Freire, competiron cun robot feito con pezas de Lego, e consideraron a experiencia como moi positiva.

O 23 de Novembro do ano 2008 tivo lugar en Lugo a competición de robótica First Lego League. Quedaron campeóns galegos de First Lego League. Foi un torneo clasificador para a final nacional que tivo lugar o 1 de Febreiro do ano 2009 en Barcelona. O equipo de robótica do noso colexio, Tecnorois, alzouse co premio ao mellor robot e tamén estivo en Barcelona para competir na final con outros 23 equipos. E quedaron campeóns de España de First Lego League.

No curso 2008-2009 Tecnorois participou na maior competición de robótica do mundo, a First Lego League, na que participaron mais de 110.000 rapaces en mais de 50 países, cos seguintes resultados acadados polo equipo Tecnorois.

Participación na final internacional de First Lego League acadando o posto 18 dun total de 84 equipos finalistas. Atlanta, USA, abril de 2009.

TECNOROIS EN LUGO 2008-2009

Foi a primeira experiencia levantáronse moi cedo pois ás oito tiñan que estar en Lugo. Alí a organización non era moi boa, e eles estaban moi nerviosos. Todo ía moi rápido, pero cando comezaron a ver as puntuacións,a súa confianza comezou a medrar.

TECNOROIS EN BARCELONA 2008-2009

Grazas ao colexio, a ANPA, O Concello, a Cristalería Padronesa e a Xestoría Cabo Naya, puideron ir a Barcelona a competir. Alí cambiaron de estratexia, xogaron con distinto robots, e competiron distintas parellas. Os nervios foron moi grandes, cando lles nomearon Gañadores absolutos non o puideron creer!!!

TECNOROIS EN ATLANTA 2008-2009

A viaxe a EEUU foi toda unha experiencia, o voo, as cidades, a xente, a lingua…E a posibilidade de relacionarse con rapaces e rapazas de todo o mundo: chineses, australianos, canadienses, peruanos, sudafricanos, chilenos, xaponeses…Tantas etnias e tantas cores todas xuntas foi sen dúbida algo inesquecible.

Entrevista a Javier, profesor responsable dos proxectos de robótica

P.- Cando se van poñer os escornabots na biblioteca?

R.- Os escornabots vanse poñer na biblioteca a partir de novembro.

P.- Como se chama o programa da ESO?

R.- O programa dos da ESO chamase make Blake podense programar como queiras.

P.- Como montan os robots, en grupo ou entre toda a clase?

R.- Os robots vanos montar en grupos.

P.- Canto peso poden levantar os robots?

R.- Os robots poden chegar a levantar entre 2 ou 3 Kilos.

P.- Os robots fan o que queiras á primeira?

R.- Hai que programalos 2 ou 3 veces porque nunca sae ben a primeira, pode fallar a programación.

P.- Cantos tipos de robots hai no colexio?

R.- Hai tres tipos de robots no colexio que son: Lego Education, bibots e os Escornabots.

Feito por: Mariña, Alba, Lara e Lucía (6º de E.P).

Revista Xolda xuño 2013
Aquí vos deixamos a revista Xolda correspondente a este mes de xuño de 2013.

Entrevista a Laura Calvo e María Vilas.

Imaxe do equipo Tecnorois 2

Laura Calvo e María Vilas son dúas alumnas de 4º curso da ESO do noso cole, o CPI dos Dices de Rois. Laura e María veñen de participar nun concurso para xóvenes científicos no que tiñan que deseñar un experimento científico que a NASA poidera realizar na ISS (Estación Espacial Internacional). Neste concurso, no que se presentaron milleiros de ideas de xente nova de todo o mundo, chegaron a ser finalistas coa súa proposta de experimento e mesmo viaxaron a Washington como equipo ganador da zona europea. Imos facerlles unhas preguntas para o noso blog de 5º de EP:

  • Como xurdiu a idea de participar neste concurso?

Todo comezou cando Javier, o profe de Tecnoloxía, comentou na clase que existía este concurso; explicounos en que consistía, as bases, e os premios. E como é o noso último ano no centro queríamos participar en todo canto puidésemos de xeito que rapidamente mostramos interese e nos ofrecemos voluntarias.

  • Podedes explicar de xeito breve en que consiste a vosa proposta?

En primeiro lugar, introducimos cunhas xiringas aceite e auga entre dúas placas de metacrilato separadas entre sí 2.5 mm, e repetimos o experimento pero engadíndolle un pouco de surfactante (é dicir, lavavaixelas); logo duns tres minutos observamos que debido á gravidade o líquido máis denso (ou sexa, o aceite) se coloca por debaixo da auga, xa que o surfactante debilita a tensión superficial (que ven sendo como a barreira que separa ambos líquidos). A nosa pregunta é que pasaría en microgavidade, xa que ao non haber gravidade non existiría nin o arriba nin o abaixo, ademais a debilitación desta “barreira” podería dar lugar a fenómenos que non se coñecen.

  • Pasastes moito traballo para desenvolver o voso experimento?

Nun principio, non tiñamos moi claro o que queríamos facer. Javier orientounos a traballar utilizando líquidos de diferentes densidades. Queríamos algo que fose vistoso e que non fose excesivamente complicado para que todo o mundo o puidese entender. Xa feitas moitas probas, descubrimos que engadíndolle lavavaixelas sucedía algo moi interesante, que podía dar moito xogo e que se podía explicar perfectamente.

  • Que pensastes cando vos vistes finalistas? Contádenos un pouco o que pasou neses días.

Dende logo non o esperábamos. Intentamos facelo o mellor posible, coidando ata os máis mínimos detalles, pero endexamáis se nos pasou pola cabeza a posibilidade de chegar a finalistas e moito menos a gañadoras rexionais; semellaba para nós algo inacadable e o feito de ver como tanto traballo se ve recompensado dun xeito tan marabilloso é unha sensación incríble, moi difícil de expresar con palabras. Moita, moita felicidade e satisfacción. Como vedes,mesmo as cousas que máis imposibles cremos poden chegar a conseguirse, non sen esforzo e moito traballo, claro.

  • Como resultado de ser finalistas tivestes que viaxar aos Estados Unidos. Que fixestes alí e que tal o pasastes?

Dende logo foi unha experiencia incrible e moi intensa. Nunha soa semana visitamos Nova Iork e Washington, onde tivemos a oportunidade de coñecer aos organizadores do concurso así como a senadores coma Rockefeller e Kay Bailey Hutchison, científicos e astronautas coma Miguel Lopez Alegría, e visitar lugares coma o Museo do Espacio e do Aire nun tour privado, a biblioteca do Congreso… Ademais do verdadeiro premio , que era o voo en gravidade cero, experiencia única, irrepetible e especialmente indescriptible. Surrealista.

  • Que vos gustaría que vos preguntaran e non vos preguntaron?

Queredes que inventemos unha máquina do tempo para que poidades volver a esa semana?

  • Para rematar: e agora que? pensades adicarvos ás ciencias?

Laura : eu si, estudarei un bacharelato científico, e logo gustaríame estudar a carreira de bioloxía, aínda que non o teño de todo claro.
María: eu non, o certo é que non teño nada claro que quero estudar, pero o que si que sei é que a miña vocación está na rama de humanidades ou ciencias sociais, a partires de aí, irei vendo as posibilidades.
Non queríamos concluír esta entrevista sen volver nomear a Javier Méndez, ao que xa todos coñecemos de sobra polos seus numerosos logros. Ese Javier que, aos que somos os seus alumnos, ben sabemos que é o home “non-stop”. Javier. Sen el non conseguiríamos nin a metade do que conseguimos, non só pola axuda que nos prestou co proxecto, senón por todo o apoio moral, por cada unha das cousas que nos ensinou…por simplemente todo. E non só a Javier, senón a todos cantos conformades o CPI dos Dices, que non sen dificultades logrades facer de cada curso escolar unha nova aventura e, sobre todo e o máis importante, de cada un de nós, alguén un chisco mellor. CPI dos Dices, insuperable.

Moitas grazas a vós por atendernos.

Aarón Lorenzo, María Losada e Estela Otero. 3º grupo. 5º de E.P.

Os maios e o noso colexio

Os maios son unhas figuras cónicas que se adornan con materiais

O maio Porviso

O Maio Porviso

vexetais que se fan para celebrar a chegada da primavera. En cada sitio de Galicia son diferentes.

Dende hai nove anos os alumnos de ESO do C.P.I dos Dices van á festa dos maios de Marín e participan nun concurso. No 2010 tamén foron os alumnos de infantil xunto coas súas familias. Os alumnos recollen as flores en Rois dous días antes. Logo lévanas a Marín e traballan todo o día no maio e na coroa. Tamén teñen que ensaiar para a canción, porque logo terán que presentala na festa.

O maio Menineiro

O Maio Menineiro

Case todos os anos levamos un premio: levámolos nas categorías de: cantar, deseñar o maio, letra da canción e coroa. En Marín sempre nos acollen moi ben. Este ano irán os alumnos de secundaria que pasarán tres días en Marín e os alumnos de 1º e 2º de primaria que virán coas súas familias o día un de maio, que é cando se celebra a festa. Este ano (2012) os alumnos de secundaria levaron dous maios: o maio Porviso, que é o que fixeron os de E.S.O., e o maio Menineiro, que é o dos pequeniños. Levaron dous premios: o do maio, co maio Porviso, e o da canción. O día 24 de xuño volverán a Marín porque ao ganar déronlles cartos e con eses fan outra excursión a Marín.
Aí vai un poema de Curros sobre os maios:

Ahi ven o maio
de frores cuberto
puxeronse a porta
cantandome os nenos
os puchos furados
pra min extendendo
pedironme crocas
dos meus castiñeiros

Pasai rapaciños
calados e credos
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño
eu sonvos o probe:
o povo galego
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno.

Cando eu me atopare
de donos liberto
que o pan non mo quiten,
trabucos e prestemos
que, coma os do abade,
frorezan meus eidos
chegado haberá enton
o maio que eu quero.

Queredes castañas
dos meus castiñeiros
cantademe un maio
sen bruxas nin demos
un maio sen segas,
usuras nin preitos.
nin foros nin cregos

Sara, Martina e Clemente (grupo 2)

O magosto


O Magosto é unha das festas populares máis típicas e tradicionaisde Galicia, pero tamén se celebra noutras partes de España. O seu elemento principal é acastaña e o lume. Esta festa celébrase a fins de outubro e principios de novembro.

No colexio do C.P. I dos Dices Rois facemos o Magosto desde hai xa tempo. Este ano, por exemplo, o primeiro que fixemos foi asar as castañas, cousa que lle tocou aos profes Citoula e Don Manolo. Despois comémolas. Logo comemos un bolo preñado e chocolate quente. Para rematar, xogamos a distintos xogos, como a chave, os sacos, o pano, as gomas…

Aquí tedes un refrán:

Se o mes de agosto vén claro,

bo magosto e bo nabo;

se vén nubrado,

pouca castaña e nabo furado.

Agora aquí tedes un conto:

A vella que quería ir ás castañas.

Unha vez era unha vella que quería ir ás castañas. Estaba na cama e sentía como bruaba o aire, dicindo, moi leda:

-Veña, airiño, veña! E o que non ten que teña.

Ao amencer levantouse a miña vella e foi para o souto, e o aire sopraba máis furioso ca antes e a vella dicía:

-Nin tanto nin tan pouco, que leva á vella polo souto.

Mirade esta receita:

Sopa de castañas:

Ingredientes:

* 1/2 quilo de castañas

* 50 gr. de allo porro

* 100 gr. de cebola

* 1 dente de allo

* 1 rama de apio pequena, sen as follas

* 100 ml. de nata líquida

* 1 litro de caldo de verduras

* 1 litro de auga

* 1 chisco de cardamomo (opcional; tamén se pode pór comiño, herba doce ou anís estrelado)

* 2 culleres de sopa de limoncello ou de licor de herbas

* Aceite de oliva

* Sal e pementa negra

Preparación

Facer un corte cun coitelo de serra ás castañas. Metelas tapadas no microondas por quendas durante 30 segundos a potencia máxima, e pelalas sempre quentes. Se non se ten microondas, levar a cabo o mesmo proceso escaldándoas uns minutos en auga fervendo. Picar o allo porro, a cebola e o culleres de apio. Pelar o allo. Refogar todo coas castañas peladas nunha cazola cun pouco de aceite a lume medio, uns 5 minutos.

Mollar co caldo e ca auga e temperalo. Cocer 1/2 hora e triturar. Engadir a nata, e se está moi espeso, un pouco de leite. Pasar polo chinés para que quede máis fina, e condimentar co cardamomo, a pementa e as dúas colleraas de licor de herbas. Rectificar de sal. Pódese servir cunha guarnición de cogomelos salteadas con allo e perexil e un gota de aceite de oliva por encima.

Como vedes en Rois pasámolo moi ben, aquí tedes uns refrán para que vos animedes e un conto pequerrecho para que vos entreteñades esperamos que vos gustara o noso traballo.

Xoán X., Catuxa e Lucía

Deixar unha resposta

Please log in using one of these methods to post your comment:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: